| |
O concurso de música ao vivo da Sala The Star afronta as súas últimas semanas nesta segunda edición, na que dez grupos (Neverside, Freedom Xlave, The Outsiders, Agónica, NOC, Moondogs Blues Party, Orquestra Aconfónica, A Cona Ye-Yé, Moon Cresta e Ataque Escampe) loitan por estar na final, que se celebrará o sábado 1 de outubro dende as 23.00 horas na Sala The Star de Carral.
O 15 deste mes, nun programa retransmitido en exclusiva a través de internet dende o propio local, o xurado e membros da organización darán a coñecer os finalistas, logo dun proceso de votacións no que o público foi o encargado de dar o 40% das puntuacións, quedando para un xurado formado por dous expertos en crítica musical o outro 60%. Na web do Querostar pódense consultar as puntuacións obtidas polo público.
O concurso chega este ano á súa segunda edición consecutiva cun importante éxito de acollida no panorama musical galego. Foron máis de 130 as bandas inscritas na primeira fase, e das cales as dez mellor valoradas chegaron á fase de concertos no local carralés.
|